Mostrando entradas con la etiqueta apuntes. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta apuntes. Mostrar todas las entradas

sábado, 12 de noviembre de 2011

Barcelona.

Retomando o blog, o primeiro que quero contarvos é a miña experiencia na Google Geo User Summit de Barcelona á que asistín convidado por Google os días 12, 13 e 14 de Outubro.




Foron sen dúbida uns días irrepetibles onde tiven a oportunidade de coñecer a modeladores de todo o mundo, intercambiar coñecementos e experiencias, nunha cidade incrible e nun ambiente de compañerismo que servíu para afianzar amizades e descubrir moitas novas. A xente de Google portouse moi ben con todos os asistentes, organizando perfectamente as conferencias e multitude de actividades que contribuiron ao bo ambiente que se viviu en todo momento mentres durou o congreso. 

A verdade é que podería contar mil anécdotas e historias sobre todo o que alí pasou, pero casi mellor recurrir ás imaxes, que poderán resumir mellor ca min todo isto. Aquí tedes un vídeo que resume a magnífica experiencia que puidemos disfrutar en Barcelona:




E como non, tamén hai multitude de fotografías das que escollín unhas poucas que máis ou menos ilustran e dan idea do que alí se viviu durante eses días:

Foto: PeterG

Aquí tedes unha de imaxes de tódolos participantes (Map Makers, Panoramio users, 3D Modelers e Google):


E aquí estamos os 3D modelers (ainda que faltaban algúns que non puideron asistir á sesión de fotos):


Teño que destacar tamén que este encontro deu pe a que por primeira vez puidésemos reunirnos todos os Corchopán Modelers nun mesmo sitio, e non so iso, xa que o encontro deu pe a novas incorporacións ao grupo.... :)

O mellor de todo, é que a cousa non quedou ahí. Durante a celebración do congreso organizouse entre os participantes un concurso para deseñar a insignia (badge) que designaría aos participantes do congreso na galería 3D e ao que nos presentamos con diferentes deseños algúns dos que alí estábamos. Feito isto, os deseños sometéronse a votación entre todos os asistentes, e moi en contra do que eu esperaba, o meu resultou elexido!, algo polo que teño que dar as grazas a todos aqueles que o escolleron.



Así que de agora en adiante todos os que participaron no congreso mostraran no seu perfil a insignia que deseñei, algo que xa podedes ver si o desexades e que me me fai sentir moi, moi agradecido.

Resumindo, foi unha experiencia incrible, teño moito que agradecer, a Google e a todos os que asistiron polo bo trato e os bos ratos que pasamos alí. So podo dicir que quixera repetir, e volver a reunirme con toda a magnífica xente que alí coñecín e entre a que xa teño moitos amigos. Así que espero que nos podamos ver outra vez no próximo encontro, e que sexa pronto! :)

Graciñas, Gracias, Gràcies, Eskerrik asko, Thank you, Grazie, Merci, ευχαριστίες, Dzięki, Danke, شكرا, хвала, takk, ... etc, etc... 

Saudos a todos!! ;)


Anxo



De novo de volta...

Despois dunha longa ausencia motivada pola falta de tempo para adicarlle ao blog, estou aquí de novo con moitas cousas que contar, moitos modelos que retomar, e algúns cambios. O primeiro de todo é desculparse con todos vos por este paréntese, espero recuperar o ritmo de traballo para poder contarvos o que ando a facer e retomar os modelos e proxectos que quedaron gardados no caixón. Así e todo, estou de volta de novo.

Como é moito o que pasou durante este tempo, vou intentar racionar un pouco a información. Escribirei unhas cantas entradas independentes para contarvos  que tal foi a Google Geo users Summit de Barcelona, tamén vos falarei de algúns descubrimentos desafortunados ao meu regreso, dos cambios que decidín realizar na miña galería e dos modelos que teño entre máns, entre outras cousas.

Dito isto, so me queda poñerme mans á obra....

Alégrame estar de volta de novo :)

Saudos


Anxo


sábado, 14 de mayo de 2011

Unha de cal e outra de area... (1.5/2).

Ola de novo,

Esta ia ser unha publicación "antonima" da anterior, falando de cousas boas e dalgúnhas novidades técnicas que chegaron ás miñas mans e que me animaron a reanudar o traballo... Pero como dixen fai un par de días, cando falaba dos dous modelos que foron rexeitados despois de que eu os actualizase, agardaría para ver si algún modelo máis era "nominado"... Pois iso fixen e non me trabucaba. 4 modelos máis foron rexeitados polos revisores da Galería 3D. 

Ben, antes de continuar teño que advertirvos de que esta vai se unha publicación bastante longa, na que penso explicar e argumentar por que penso que o sistema de valoración de Google me parece en ocasións excesivamente aleatorio, pouco xusto e incoherente.

Primeiro de todo, ainda que xa o fixen antes, vou relatar brevemente os antecedentes para poñernos en situación:

O 5 de Abril deste ano, as imaxes de satélite da zona de Ferrol foron actualizadas despois de varios anos sin cambios. Isto, que en principio é unha boa nova, provocou que a totalidade dos modelos que teño en Ferrol, (máis de 45) quedasen desplazados da posición que deberían ocupar nas novas imaxes.

Despois de agardar uns días a que Google posicionase de xeito automático algúns modelos (foron 4), tomeime a molestia de reposicionar eu os que quedaban, e de paso actualizar as imaxes do terreno modelado nalgúns deles, tal e como vos comentei fai uns días.

Pois ben, o resultado foi que de primeras 2 modelos foron rexeitados, e agora xa son 6 en total. A saber:

- Sala de Armas do Arsenal de Ferrol
- Porto de Ferrol. Dársena de Curuxeiras e Xardíns da "Ranita"
- Ermida de Sta. María de Caranza
- Auditorio de Ferrol
- Arsenal de Ferrol. Edificios da zona do Parque
- Porto Chico. Arsenal de Ferrol

Agora vou a relatar os motivos que me deron dende Google para rexeitar cada un dos modelos e explicarei por que penso que a decisión é inxusta e pouco coherente.

...
Sala de Armas do Arsenal de Ferrol
Motivo: Terreno demasiado alterado
Estado: Borrado da capa 0




Este modelo estaba aceptado na capa 0 de Google Earth dende o ano 2006. O terreno engadido que o circunda correspóndese cun tramo modelado do paseo marítimo da dársena de Curuxeiras, a Praza de Armas fronte a fachada principal e os peiraos correspondentes dentro do Arsenal. Os únicos cambios realizados na última actualización foron: mudar as imaxes que usei como texura do terreno para que coincidisen coas novas, e modificar lixeiramente a parte do terreno que coincidía co modelo adxacente da Dársena de Curuxeiras, para que se axustasen perfectamente (incluso mellor do que estaba antes). 

Como xa dixen en múltiples ocasións, a representación do relevo e do terreno na zona de Ferrol non é moi precisa, e na zona do porto é os peiraos mopito menos ainda, polo que é necesario modificar o terreno para aproximalo o máis posible á realidade do entorno.Non entendo porque si durante anos valeu tal cual, agora non sirve. Si o modelo do Baluarte de San Xoán que ten unha modificación do terreno moitísimo máis extensa si foi aceptado despois da actualización, porqué este non?


...
Estado: Borrado da capa 0


O modelo estaba aceptado na capa 0 dende Febreiro de 2010. Tal e como acontece co caso anterior, o terreno correspóndese aos peiraos da dársena de Curuxeiras e ás zonas circundantes, sempre adaptándose á realidade do lugar. Do mesmo xeito, os únicos cambios realizados foron exactamente os mesmos que no caso anterior. A miña pregunta é a mesma, si antes valía, porqué agora non?

En canto aos complementos, o modelo pesa na súa totalidade en Google Earth 2 Mb, que é un peso relativamente baixo e aceptable para un modelo desta magnitude. Os complementos que ten son exáctamente os mesmos dende que foi subido por primeira vez á Galería 3D, xa que non engadín nada dende entón. Si ata o de agora o modelo estaba aceptado na capa 0, sigo sin comprender porqué agora non o está. Sobre todo si temos en conta que en Google Earth podemos atopar modelos como éste, éste, éste ou éste.... entre miles de exemplos máis.

...
Estado: Non aceptado


Ein???... acaso non se poden usar as texturas de SketchUp??. Vale, non é o meu mellor modelo, e seguramente o actualice nalgún momento, pero si xa estaba aceptado antes, e simplemente actualicei a sua posicion e as imaxes do terreno, que ten de malo agora que antes non tiña??.

...
Estado: Non aceptado



???????!!!....  este modelo foi aceptado en Marzo de este mesmo ano, e so cambiou a posición e as imaxes do terreno....  igual se refiren ás súas propias imaxes co de "textura fotográfica inacabada"...  ?!

...
Motivo: Es necesario dividir el modelo en modelos independientes (enlace a: "busca ti mesmo a explicación")
Estado: Non aceptado


Parafraseando a Mourinho: Por qué????..... o modelo só pesa 1Mb,... cal é o problema?, que hai varios edificios?,... pódenmo repetir outra vez?, outra vez?, outra vez?, outra máis por favor, e outra?, outra máis? .... non sei creo que vou necesitar outra, ... como era iso de dividir o modelo? podémo repetir de novo?... non sei, non o acabo de ver... cal é o problema???


...
Motivo: Es necesario dividir el modelo en modelos independientes (enlace a: "sigue buscando")
Estado: Non aceptado


Este modelo pesa só 691 Mb!!!! ... por favor!!!!
...
...

Sendo sincero, estou máis que molesto e bastante decepcionado. O traballo que fago con estos modelos é completamente altruísta, ter que repetir e correxir o traballo de anos cada vez que se actualizan as imaxes xa é un incordio o suficientemente grande como para ainda por riba ter que soportar este tipo de valoracións que considero aleatorias, inxustas e incoherentes 

Entendo que existan uns criterios de aceptación, entendo que é necesario filtrar os modelos, agradezo a oportunidade de apelar as decisións que google ofrece (fareino, en canto se me pase a frustración que sinto)... simplemente pido un pouco de coherencia. Si os modelos levaban anos aceptados na capa 0, cal é o motivo para que sin que cambien substancialmente agora sexan rexeitados. 

Resulta cando menos sorprendente que os mesmos criterios que invalidan os meus traballos, premian modelos como éste, éste, éste ou éste outro... todos eles felizmente aceptados e visibles na capa 0 de Google Earth. Sin menospreciar en absoluto o traballo do seu autor, por suposto, do que non coñezo nin as ciscustancias nin as intencións (useinos de exemplo pola súa proximidade xeográfica). A miña crítica e peticion vai dirixida exclusívamente aos responsables da valoración e revisón dos modelos.... símplemente unha cousa: COHERENCIA

Todo este tema, xunto con outras cousas, estáme decepcionando bastante. Resulta moi frustrante ter que estar lidiando con este tipo de cousas cando ves que hai unha disparidade de criterios tan grande. Non vivo de facer isto, fagoo porque quero e porque me gusta, pero todo isto desanima máis do que esperaba.

Desculpade polo tostón, si é que seguides ahí ainda. Simplemente quería reflectir con claridade o meu parecer e a miña opinión. Vou desconectar uns días para descansar. Espero voltar pronto, cando xunte de novo as forzas necesarias, que ideas e plans non me faltan.

Desculpade de novo e graciñas.


Saudos a todos.


Anxo

miércoles, 11 de mayo de 2011

Unha de cal e outra de area... (1/2)

Boas de novo a todos. Estos días traen bastantes novidades, algunhas boas, outras moi boas, pero como non todo vai ser cor de rosa, pois tamén temos un lado negativo. Aviso que a de hoxe vai ser unha publicación bastante longa, así que mellor poñedevos comodos... ;)

Como hai moito que contar, o mellor é ir por partes, e imos comezar co malo: 

Despois da perda do meu antigo ordenador, que decidiu xubilarse definitivamente fai un tempo, a a miña labor de modelando mermou casi completamente, a non ser polo modelo da Casa Danzante de Praga. Dende aquela pouco fixen, e ademais, debido á actualización (por fin) das imaxes por satélite en Ferrol, houbo un parón no modelado, dando unha tregua á xente de google para que realineasen os modelos que por mor do cambio de imaxes quedaron desalineados.... e aquí é onde comezaron os inconvintes. 

Google realineou 4 modelos dos algo máis de 45 que teño en Ferrol.... e o resto?... pois o resto pedíronme que os alinease eu. Cousa que realmente resulta un fastidio, pero que accedín a facer na medida das miñas posibilidades, xa que un dos ordenadores dos que dispoñía, simplemente xa non estaba. Así e todo, fun alineando a práctica totalidade dos modelos, e aproveitando para actualizar as imaxes de satélite que usei nalgúns deles, sobre todo naqueles que precisaron dunha maior modificación do terreno (debido á precaria representación da topografía da zona en GE). Na metade do proceso houbo un par de acontecementos, que vos contarei máis adiante, que contribuiron a facilitar o traballo, polo que a día de hoxe prácticamente o 80% dos modelos de Ferrol da miña autoría están realineados e actualizados. Pero foi precisamente agora cando os señores de Google decidiron dar o golpe de gracia.... 

Dos modelos realineados, todos previamente aceptados na capa 0 de GE (algún dende fai anos), hoxe notificáronme que hai 2 (polo de agora) que foron rexeitados. Modelos que antes estaban aceptados, agora non o están. E iso que o único que fixen foi correxir a súa ubicación e actualizar as imaxes de satélite que usei para as texturas. Os dous modelos "nominados" son A Sala de Armas do Arsenal (o que sae no banner do blog) e A Dársena de Curuxeiras do porto de Ferrol, outro dos meus modelos clásicos. 

Entre os motivos, común aos dous, está un suposto exceso na alteración do terreno. Feito que non cambiou dende a anterior aceptación e que ademais considero sobradamente necesario polo que comentaba anteriormente sobre a precariedade da representación topografica que hai na zona de Ferrol en Google Earth. Así que non entendo que se alegue iso como motivo para rexeitar o modelo. Outro motivo é (no caso da dársena de Curuxeiras) que o modelo é demasiado grande por culpa dos complementos. Non engadín nada, así que tampouco acabo de comprender porqué antes valía e agora non. 

A cuestión é que despois de ter que realinear case todos os meus modelos resulta de un fastidio bastante notable (por non dicir outra cousa) que agora os rexeiten. Sendo sincero, cousas como estas desaniman a un, sobre todo tendo en conta que o traballo que facemos os modeladores coma min é absolutamente desinteresado. De tódolos xeitos, e así que se me pase o momento "contrariado", recurirei a decisión a ver si, como en outras ocasións, funciona e a reconsideran. Ainda que polo de agora vou deixar pasar un par de días... por si deciden "nominar" algún modelo máis.

Por sorte, e como xa dicia ao principio, non todo foi malo...  na próxima ocasión contareivos porqué, a pesar disto, estou considerablemente animado coa volta ao modelado 3D. Por hoxe xa chega, que tampouco é cuestión agobiar. Mañá toca a parte boa.

Saudos a todos, e graciñas por ler o tostón éste que acabo de soltar! ;)


Anxo

martes, 5 de abril de 2011

Ferrol actualizado en GE!!

Ainda non saio do meu asombro, despois duns 5 anos nos que as imaxes de satélite de Ferrol en Google Earth databan do 2005, hoxe pola tarde Ferrol trasladouse ao 22 de marzo do ano 2009... unha actualización!, por fin!!!!... anodadado estou ainda. E para que vexades ao que me refiro, aquí tedes unhas mostras...



Nestes anos moitas cousas cambiaron, como é o caso do novo barrio do Bertón:



... ou as diferentes estradas e novos accesos, que no ano 2005 non existian ou estaban en execución, como o acceso sur pola estrada da Trincheira...



... ou a estrada ao porto exterior...



... entre outras moitas cousas. A cuestión é que isto supón unha pequena desviación na alineación dos modelos respecto ás novas imaxes, algo que espero se solucione en breve automáticamente, tal e como ben sucedendo dende fai un tempo cando isto acontece. De calquera xeito, supoño que terei que retocar gran parte dos modelos para actualizar as texturas de GE que usei no seu momento para substituilas polas novas, xa que a diferencia é notable e bastante hostentosa nalgúns casos

Así e todo, a actualización é unha boa nova, ainda que a calidade das imaxes non é a mellor, polo menos son bastante máis actuais que as que tiñamos ata o de agora, que xa facía falta.

Saudos ;)

Anxo
.

sábado, 2 de abril de 2011

En modo mediático...

De novo na prensa!!. Hoxe sae un artigo na Voz de Galicia, edición de Ferrol, sobre o meu modelo do Auditorio, e con foto e todo!. Si queredes podedes velo aquí.




A ver si despois podo poñer unha imaxe da edición escrita. :)

Saudos.

Anxo

viernes, 25 de marzo de 2011

Inconvintes técnicos...





Hoxe, fai apenas unhas horas, o meu ordenador deixounos para  sempre, levándose consigo multitude de datos (que espero recuperar) e case 4 anos de traballo xuntos... :( . Se algunha vez fúchedes victimas dunha situación similar poderedes facervos unha idea do fastidio e o engorro que isto supón. Isto é un inconvinte inesperado que vai a ralentizar todos os proxectos que tiña en marcha, e incluso pode ser que algún teña que ser recomezado dende o principio (crucemos os dedos para que non sexa así). 

Por sorte, escarmentado de algúnha que outra situación similar, adquirín o saudable costume de facer copias de seguridade dalgunhas cousas e en varios sitios... por si acaso. Dou grazas porque A Casa Danzante con todos os seus progresos, xunto con algunhas outras cousas, está a salvo nun par de lugares seguros, porque si tivese que recomezar o traballo dende o principio, sen dúbida renunciaria a facelo.

Así e todo, vou intentar recuperar o meu querido HP Pavillion... e sobre todo o contido do disco duro que aínda me resisto a perder. Como xa dixen, isto vai ralentizar un pouco todo o que tiña en marcha, pero iso non significa que non vaia continuar co traballo (verbigracia das providenciais copias de seguridade), así que ata que recupere a normalidade, as actualizacións vanse retrasar un pouco máis do habitual... :-/

Por sorte non todo son malas novas, e apenas fai un rato o modelo do Auditorio de Ferrol foi aceptado na capa 3D de Google Earth.... algo é algo... :)

Boeno, ata aquí o informe de danos... seguiremos informando si hai novidades.

Saudos.


Anxo

sábado, 22 de enero de 2011

Preparando un novo modelo. Peixería do Mercado de Ferrol.

Ola a todos, últimamente non estou a dedicarlle moito tempo á creación de novos modelos, polo menos non todo o que quixera, e ademáis teño en mente algúns proxectos que ocupan o pouco tempo libre que me queda. Iso non quere dicir que teña isto abandonado, nin moito menos, o que pasa é que durante un tempo o nivel de producción reduciuse bastante. 

Teño moitos modelos na cabeza que pouco a pouco intentarei ir sacando, a medida que o tempo o permita. O primeiro deles seguramente será o edifício modernista da Peixería do Mercado Municipal de Ferrol. Obra do arquitecto Rodolfo Ucha Piñeiro e construida en 1923.



É un edificio relativamente sinxelo e que non debería levar moito tempo, pero como xa vos dixen, non podo dedicarlle todo o que eu quixera, polo que é moi probable que me leve un pouco máis do habitual. 

Prácticamente acabo de comezar co modelado, polo que so hai unha aproximación de volumes e algunha textura sobre a que ir traballando. Aquí tedes unha imaxe dos aínda recentes e prematuros avances:


Como podedes comprobar, prácticamente nada, queda ainda moito traballo por diante, xa que a pesar de que se trata dun edificio relatívamente pequeno, é o suficientemente singular como para dedicarlle tempo e coidar os detalles ao máximo.

Espero voltar pronto con máis avances, e a ver si vou encontrando un pouco de espacio na axenda para volver co modelado 3D como se merece, que xa teño ganas.

Graciñas e saudos a todos! ;)

Anxo.

martes, 11 de enero de 2011

De volta...

Aquí estou de novo, despois dun pequeno parénetis navideño para pasar as festas cos meus e descansar un pouco. Volvo con moitas intencións e non demasiadas novidades, que me tomei o do descanso en toda a plenitude do significado,  xa que a miña producción reduciuse literalmente a "0", non coma outros que por sorte souberon rentabilizar o tempo moitísimo mellor ca min, e grazas a iso agora temos novos modelos na Galería 3D e máis motivación para continuar co traballo.

Únicamente traio unha pequena actualización na páxina de contacto, para que podades enviarme unha mensaxe cando querades, algunha pequena remodelación na páxina da galería (ainda que para isto teño plans para máis adiante) e moitos plans para novos modelos e para actualizar algún dos vellos, que xa vai tocando. 

Nova páxina de contacto

Polo de agora pouco máis, espero voltar pronto con novidades agora que xa me vou meter en faena de novo.

Graciñas  por seguír ahí e espero que o novo ano comezase ben para todos.


Saudos ;)


viernes, 24 de diciembre de 2010

Bo Nadal

Felices festas a todos!, espero que a pesar das crisis, as desgracias, o frio, a neve e todo iso que as veces nos amarga a vida, hoxe sexa un dia de felicidade coa xente que vos quere. Lembrade que o mellor da vida non se consigue con diñeiro... desfrutade moito, moito...



Unha aperta!


Anxo