Por fin rematei o modelo do que estiven falando estes días, o conxunto formado polo Cuartel de Dolores e a porta marítima de Fontelonga, situada nos restos da antiga muralla de Ferrol que todavía circundan parte do acuartelamento.
Un pouco de historia...
O Cuartel da Nosa Señora das Dores está situado xunto ao antigo Cadro de Esteiro, en Ferrol. Planexado en 1751 por Joseph Petit de la Croix comezou a construirse no 1765 baixo a dirección do Enxeñeiro Naval D. Julián Sánchez Bort. Parte da obra foi financiada pola casa dos Condes de Andrade e Lemos en memoria dun dos seus fillos, morto en combate cando era infante de marina. As obras rematan un 16 de Outubro de 1771.
O edificio de planta cadrada está organizado en torno a un patio central porticado e podía albergar a uns 4000 homes. O patio, tamén de planta cuadrangular ten tres alxibes e está rodeado por arcadas que cubren 2 dos 3 niveles que ten o edificio e que se soportan sobre 44 pilares cos seus correspondentes arcos. O primeiro nivel corresponde ás antigas cadras e almacéns, o segundo para o piso principal, quedando o terceiro cunha enorme terraza que rodea todo o patio e da cobertura ás arcadas.
Na Fachada Principal está a entrada decorada con adornos e columnas dóricas que soportan un balcon de ferro sobre o cal , á altura do 3º nivel, hai un escudo coas armas reais.
Actualmente o cuartel é a base do Tercio Norte da Infantería de Marina.
Na parte posterior do edificio atópase unha das antigas portas marítimas das murallas de Ferrol, a porta de Fontelonga. Construida na mesma época co cuartel, conta cunha larga escalinata doble que ten unha rampa central e que salva a diferencia de cota entre o que sería o antigo peirao a nivel do mar e o terreno circundante. Na imaxe pódese observar o antigo peirao e o impoñente aspecto que ofrecía o conxunto co cuartel:
Na parte inferior, xunto a entrada e a singular garita que a garda, hai unha pequena construcción con curiosos arcos de traza parabólica na que se atopaba unha fonte que era a que daba nome á fortificación. Hai que destacar tamén como elemento singular de cantería o "arbotante", tamén de traza parabólica, que sirve como apoio do muro e que utiliza o conxunto da garita como contraforte. Actualmente e debido a sucesivos recheos motivados polo crecemento do asteleiro, a porta está moi alonxada do mar, ocupando o lugar do antigo peirao unhas pistas polideportivas.
E tamén reseñable a existencia dun cruceiro, coñecido como "Cruceiro de Fontelonga" situado ao final da escalinata, xunto ao que queda do muro onde se situaba a porta superior do antigo acceso. O conxunto foi restaurado non fai moito estando ao mando do Tercio Norte o coronel ferrolán Juan Feal Vázquez.
O modelo...
O modelo en cuestión abrangue tanto o cuartel como as murallas e a porta de Fontelonga. O terreno resultou un pouco máis engorroso do desexado, xa que foi necesario modelar gran parte do relevo da zona, para conseguir recrear o desnivel que deu lugar á singular configuración da zona. Finalmente creo que o resultado e bastante satisfactorio.
Modelo na Galería 3D: Cuartel de Dolores e Porta de Fontelonga
E xa para rematar, as xa tradicionais imaxes do modelo en Google Earth...
E esta é a textura nova:
Penso que é moito mellor e máis acorde co nivel de calidade do resto do modelo. Agora deixo o resto das imaxes, xa coas novas texturas:
E ata aquí todo polo de agora, desculpade pola longuísima publicación, pero é que facía tanto tempo que non subía un modelo novo que xa tiña ganas. Espero que vos guste e agardo voltar pronto con mási cousas. Graciñas!
Saudos ;)
Anxo