Mostrando entradas con la etiqueta Google Earth. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Google Earth. Mostrar todas las entradas

sábado, 12 de noviembre de 2011

Barcelona.

Retomando o blog, o primeiro que quero contarvos é a miña experiencia na Google Geo User Summit de Barcelona á que asistín convidado por Google os días 12, 13 e 14 de Outubro.




Foron sen dúbida uns días irrepetibles onde tiven a oportunidade de coñecer a modeladores de todo o mundo, intercambiar coñecementos e experiencias, nunha cidade incrible e nun ambiente de compañerismo que servíu para afianzar amizades e descubrir moitas novas. A xente de Google portouse moi ben con todos os asistentes, organizando perfectamente as conferencias e multitude de actividades que contribuiron ao bo ambiente que se viviu en todo momento mentres durou o congreso. 

A verdade é que podería contar mil anécdotas e historias sobre todo o que alí pasou, pero casi mellor recurrir ás imaxes, que poderán resumir mellor ca min todo isto. Aquí tedes un vídeo que resume a magnífica experiencia que puidemos disfrutar en Barcelona:




E como non, tamén hai multitude de fotografías das que escollín unhas poucas que máis ou menos ilustran e dan idea do que alí se viviu durante eses días:

Foto: PeterG

Aquí tedes unha de imaxes de tódolos participantes (Map Makers, Panoramio users, 3D Modelers e Google):


E aquí estamos os 3D modelers (ainda que faltaban algúns que non puideron asistir á sesión de fotos):


Teño que destacar tamén que este encontro deu pe a que por primeira vez puidésemos reunirnos todos os Corchopán Modelers nun mesmo sitio, e non so iso, xa que o encontro deu pe a novas incorporacións ao grupo.... :)

O mellor de todo, é que a cousa non quedou ahí. Durante a celebración do congreso organizouse entre os participantes un concurso para deseñar a insignia (badge) que designaría aos participantes do congreso na galería 3D e ao que nos presentamos con diferentes deseños algúns dos que alí estábamos. Feito isto, os deseños sometéronse a votación entre todos os asistentes, e moi en contra do que eu esperaba, o meu resultou elexido!, algo polo que teño que dar as grazas a todos aqueles que o escolleron.



Así que de agora en adiante todos os que participaron no congreso mostraran no seu perfil a insignia que deseñei, algo que xa podedes ver si o desexades e que me me fai sentir moi, moi agradecido.

Resumindo, foi unha experiencia incrible, teño moito que agradecer, a Google e a todos os que asistiron polo bo trato e os bos ratos que pasamos alí. So podo dicir que quixera repetir, e volver a reunirme con toda a magnífica xente que alí coñecín e entre a que xa teño moitos amigos. Así que espero que nos podamos ver outra vez no próximo encontro, e que sexa pronto! :)

Graciñas, Gracias, Gràcies, Eskerrik asko, Thank you, Grazie, Merci, ευχαριστίες, Dzięki, Danke, شكرا, хвала, takk, ... etc, etc... 

Saudos a todos!! ;)


Anxo



lunes, 10 de octubre de 2011

Preparando as maletas...




Estou preparando a equipaxe para coller mañá un avión directo á cidade condal, xa que esta semana estarei por Barcelona acudindo á 1º Congreso de Xeo-usuarios que organiza Google na península.  Fun convidado a acudir, e non podía deixar pasar a oportunidade de desfrutar e compartir experiencias con máis usuarios e xeomodeladores de todo o mundo e sobre todo coñecelos en persona, xa que a moitos xa os coñezo a través do correo ou o chat, pero xa vai sendo hora de verlles as caras en directo a todos eles.

Teño a impresión de que vai ser unha experiencia moi interesante, e a axenda que nos ten preparada Google promete moito durante os 3 días que durará o encontro. Pinta moi ben e segúramente sera moi divertido tamén

Por outro lado, e de xeito paralelo, terá lugar unha reunión que casi me fai tanta ilusión como o congreso en sí, xa que por primeira vez reunirémos físicamente nun mesmo lugar todos os Corchopán Modelers... e creo que iso promete máis ainda que todos os congresos de Google xuntos. :)

Mantereivos informados aos que non vaiades, e aos que sí, vémonos en Barcelona!! ;)


Anxo

sábado, 17 de septiembre de 2011

Novo Modelo. A Asamblea Nacional de Bangladesh. জাতীয় সংসদ ভবন




A Asamblea Nacional de Blangladesh, oficialmente Jatiya Shangshad Bhaban, é un dos parlamentos máis grandes e singulares de todo o mundo. Está situado nunha extensa zona verde no medio da bulliciosa e superpoboada Dhaka, a capital de Bangladesh. O edificio do parlamento está situado no centro dun lago e rodeado de diferentes dependencias e edificios oficiais, conformando o conxunto un verde remanso de paz no medio do caos da megalópole bengalí.


Todo o complexo foi deseñado polo maxistral arquitecto norteamericano Louis Khan coa asistencia de Muzharul Islam e comezouse a construir no ano 1961 co propósito de servir de sede gubernamental de Pakistán Oeste e Pakistán Este. Pero a historia quixo que pasasen varias décadas e unha guerra para que o edificio fose rematado e finalmente albergase o goberno dunha nación. Foi en febreiro de 1982 cando se celebrou a primeira sesión parlamentaria dentro dos seus muros, rematados en xaneiro dese mesmo ano, para o goberno da nova nación de Bangladesh.

O edificio, de un gran impacto visual, con altos muros de formigón festoneados de mármore branco (un pequeno truco de deseño pensado para ocultar as xuntas de formigonado) e con grandes aberturas xeométricas a modo de grandes pórticos, destaca pola súa magnitude e intencionado contraste cos edificios que o rodean, construidos en ladrillo visto. A pesar do impoñente tamaño o conxunto resulta treméndamente armónico e parece flotar serenamente sobre o lago que o rodea.


O edificio principal esta acompañado e precedido por dúas prazas elevadas, unha ao norte e outra ao sur. A praza norte, ou Praza Presidencial, está pensada para actos oficiais, protocolarios e recepción de mandatarios, aloxando tamén outras dependencias. A praza sur, moito máis grande, fai de entrada principal para o público, incluso para o uso cotiá dos propios parlamentarios, albergando baixo ela distintas dependencias técnicas, almacéns, e un gran garaxe para o uso dos funcionarios e traballadores do parlamento.

O corpo central, máis alto e destacado, alberga o hemiciclo do parlamento, e esta rodeado por 8 corpos diferentes nos que se aloxan as diferentes dependencias gubernamentais. Destaca o situado ao sur, que acolle no seu interior unha sala para a oración e que se atopa lixeiramente desviado do eixo do edificio principal para orientar a correctamente os muros cara a Meca. 



O ciclópeo aspecto exterior contrasta co sorprendente xogo que fai a luz no interior do edificio, no que a luz natural xoga un papel fundamental creando diferentes ambientes e contrastes sobre os muros de formigón e mármore branco coa característica traza xeométrica de Khan.





O modelo comprende tanto o edificio principal, como as dúas prazas anexas das que falaba, e a correspondente adaptación do terreno para axustalo á orografia representada en Google Earth.


Intentei coidar os detalles máis característicos do edificio, ainda que ao ser un edificio "semi-aberto" nalgunhas zonas, tiven que decidir nalgún momento ata que punto modelaba partes que xa serían interiores, ainda que non existise unha separación física do exterior. De calquera xeito penso que o resultado é satisfactorio, e a pesar da magnitude do mesmo e a súa complexidade non ocupa mais de 2Mb en Google Earth.

Agora, é como ven sendo habitual, déixovos unhas cantas imaxes das do modelo:














E aquí remato ésta longa entrada, non sen antes dicir que éste modelo vai dedicado a alguén moi especial que agora vive en Dhaka... ísto é para ti Antonciño! ;)

Espero que vos guste.

Saudos.


Anxo


p.d: 8888 visitas!!! iepaaa!!! :D

sábado, 27 de agosto de 2011

Novo modelo. O Teatro Colón


Mentres continúo traballando coa Catedral de Santiago, dediquei un pouco do meu tempo a facer un modelo diferente, tal e como fixera co edificio do Banco Pastor. Algo un pouco máis sinxelo e de menor magnitude que o complexo catedralicio de Compostela. Desta vez escollín o Teatro Colón de A Coruña. Un edificio singular do que xa existía un modelo anterior na Galería 3D, pero considerei que non facía xustiza á verdadera magnitude do edificio, polo que decidín facer un modelo máis acorde.



O promotor e artífice do Teatro Colón foi Emilio Rey Romero. O proxecto arquitectónico foi encargado a Jacobo Rodríguez-Losada Trulock no ano 1945, proxectando un conxunto cunha marcada imaxe clasicista moi acertada para un edificio tan singular por tamaño e situación. O teatro comezou a súa andaina como tal no ano 1948 regalando ao público coruñés infinidade de espectáculos musicais e teatrais de relevancia ademais de proxeccións cinematográficas. No ano 2002 foi completaménte remodelado modernizando o equipamento para adecualo aos tempos modernos pero respeitando completamente a estructura orixinal. Na actualidade o teatro está xestionado pola Fundación Caixa Galicia.
  
No mesmo edificio e con entrada oposta ao teatro atópase o Pazo Provincial, sede da Deputación Provincial de A Coruña. Construida conxuntamente co teatro polo mesmo arquitecto e co mesmo estilo, forma co teatro un conxunto singular e de considerables dimensións que destaca dentro da cidade pechando o lado leste da Alameda de Mendez Nuñez.


O modelo abarca o conxunto enteiro, Teatro+Diputación, e foi necesario axustar lixeiramente o terreno para correxir o desnivel existente na representación de GE e que non existe na realidade. 


A continuación deixo as acostumadas imaxes do modelo (alguna delas sen texturas para apreciar o nivel de detalle)










E ata aquí polo de agora, continuarei traballando na Catedral, pero será despois do día 10, ata daquela estarei centrado noutros temas que requiren da miña atención.  Espero que vos guste como quedou.

Saudos a todos ;)

Anxo

martes, 26 de julio de 2011

Novo modelo. O Banco Pastor

A pesar de que continúo o traballo coa Catedral de Santiago, tomeime un "descanso" para facer outro modelo un pouco máis sinxelo, pero que tiña gardado na recámara dos "proxectos a realizar". Trátase do edificio do Banco Pastor na Coruña.



Este singular edificio rematado no ano 1925, e un dos edificios singulares da Coruña. Construido como sede central do Banco Pastor, sigue mantendo esa función dende aquela. Planexado polos arquitectos Antonio Tenreiro e Peregrín Estellés, precisou dun cambio da normativa urbanística da época para poder adaptarse e permitir a construcción do que sería o primeiro rañaceos de Galicia, e o edificio máis alto de España no momento, título que mantería durante 7 anos, ata que se construiu a sede de Telefónica na Gran Vía de Madrid. O edificio de estilo eclectico con detalles art-decó recorda a arquitectura habitual dos anos 20 nas grandes cidades do outro lado do Atlántico, como Chicago ou New York, iso si, adaptada a escala galega, moito mais modesta e humana, cunhas 11 plantas e uns 38 metros de altura. Destaca a xenerosa cornixa que o remata a modo de capitel dándolle un caracter singular.



O modelo abarca todo o solar ocupado polo Banco, incluindo o anexo máis baixo da parte posterior e algúns detalles moi representativos do mesmo, como os enormes letreiros luminosos da azotea e os grandes farois de latón dourado que flanquean a entrada principal. Comno sempre, o mellor é que o vexades vos mesmos:



Deixo aquí tamén, como é habitual, unhas cantas imaxes mostrando algúns detalles da elaboración do modelo e do seu aspecto.








E isto é todo, espero que vos guste. Como vos dicía, continúo traballando na Catedral de Santiago, publicarei dentro de pouco para que vexades como vai o traballo. 

Saudos.

Anxo

martes, 12 de julio de 2011

WIP. Modelo en progreso. A Catedral de Santiago de Compostela (e arredores)



Boas de novo. Como xa vos comentei anteriormente, estou revisando vellos modelos que xa necesitan de ser actualizados. Entre eles está a Catedral de Santiago de Compostela. Un modelo xa antigo que podedes ver en GE subido por partes, xa que debido á sua magnitude e a súa complexidade nunca foi aceptado completo. É por isto que me propuxen reformalo e actualizalo completamente. O modelo actual completo podedes velo aquí:


(this is the old one)


Pero como vos comentaba, o que consta en GE está dividido en varias partes:


Como podedes ver, realmente necesitaba de ser actualizado. Comecei o traballo coa idea de facer un modelo completo para toda a catedral e os anexos (claustro, museos, capela e pazo episcopal) optimizado e máis lixeiro que o actual para que puidese ser aceptado en GE sen problema. A cuestión é que a tremenda importancia e beleza do conxunto monumental da catedral perdería moitísimos detalles e definiciòn, empobreceríase demasiado para o meu gusto, polo que finalmente decidin refacer o modelo outra vez en varias partes, dedicando  a cada unha delas o máximo coidado e detalle, tal e como considero se merece un conxunto tan singular e fermoso como éste. Non sei si é a decisión acertada, xa que a tremenda coplexidade dalgunhas partes empúxame a intentar reflexar a maior cantidade de detalles, polo que igual é necesario dividir o modelo en máis partes das que tiña pensado nun principio para axustar o peso e complexidade de cada unha ás esixencias de GE, pero ainda así considero que paga a pena, e se non, sempre estarei a tempo de alixeirar o modelo si fose necesario, tendo unha versión máis detallada para renders e outro tipo de aplicacións, e unha máis lixeira para GE.

Unha vez decidido isto, emprendín a tarea do modelado, percibindo rápidamente a máis que notable inexactiude da orografía do terreno representado en GE... (como de costume). O problema é que un modelo da extensión que ten o que me propoño vese afectado moito máis inda precisamente por ese motivo, a grande superficie que abarca. Hai que ter en conta que todos os accesos á catedral se producen a distinta cota, que que a praza á que da a fachada principal, a do Obradoiro, ten prácticamente a mesma cota, cousa que non sucede na representación de GE, xa que debido ao tremendo desnivel existente entre a praza e a parte posterior do Pazo de Raxoi (frente a catedral) presenta unha inclinación moi pronunciada e irreal. 

Isto representou outro obstáculo no camiño que había que salvar, así que antes de comezar co modelado da catedral era preciso axustar o terreno para adaptalo o máis posible á realidade. Enseguida me din de conta que a reforma do conxunto catedralicio ia implicar tamén a reforma dos modelos adxacentes (Pazo de Raxoi e Hostal dos Reis Católicos) xa que era necesario revisar e correxir a cota da Praza do Obradoiro, praza á que dan estes dous edificios e que tamén necesitaban dunha revisión urxente. O traballo ia adquirindo unha magnitude moito maior do que pensaba nun principio. Nun principio tiña pensado publicalo cando estivese rematado, pero vendo o camiño que está tomando vou ir publicando pouco a pouco  como vai o traballo, que probablemente  leve gran parte do verán. 

Aquí tedes un par de imaxes onde podedes ver os axustes que fixen no terreno e en toda a zona circundante do conxunto catedralicio e a praza do Obradoiro.






Como podedes apreciar, nas capturas xa se aprecia unha aproximación volumétrica do Pazo de Raxoi (edificio que revisarei máis adiante). Estou usando un plano real da catedral e todos os edificios anexos para axudarme co modelado. Ademais atopei algún alzado da Fachada do Obradoiro que tamén está axudando en gran medida para que as proporcións e medidas sexan exactas. Como podedes ver nas seguintes imaxes.



O traballo avanzou bastante dende esas capturas (foron feitas a semana pasada), e actualmente o aspecto que ten o modelo é o seguinte:





A fachada e as torres do Obradoiro están prácticamente rematadas, o nivel de detalle é moi alto porque van constituir unha das partes nas que vou dividir o modelo por si mesmas, considerei que a monumentalidade desta singular fachada barroca así o merecía. Ainda non apliquei texturas (salvo as que usei como referencia para o modelado), fareino máis adiante. 

Aquí é onde vou desvelar a verdadeira magnitude do proxecto, xa que o modelado non está restrinxido ao exterior da catedral. 

Mentres modelaba a fachada principal non deixaba de rondarme pola cabeza o feito de que unha das maiores xoias arquítectónicas de estilo románico que existen no mundo está agochada xusto detras desa fachada, o Pórtico da Gloria.... non o pensei demasiado, xa postos, decidín modelar parte do interior. En principio sería o Pórtico únicamente, pero o pórtico por definición tería que dar paso a "algo", así que tamén modelei a nave principal da catedral.

Aquí é onde creo que estou traspasando os límites de GE, non o sei. Pero non vai ser por iso que deixe de modelalo, xa que chegado o momento podo eliminalos do modelo que suba a galería 3D. Creo que xa metidos en faena, merece a pena facelo.... 





... e unha imaxe do pórtico coas texturas de traballo (que non van ser as definitivas):


A vos que vos parece?... eu creo que ben o merece non?. Nestas imaxes podedes apreciar o alcance do modelado ata agora (exterior e interior):



Polo de agora a cousa está así, xa podedes ver que falta moitísimo ainda, e que o traballo vai para largo. Probablemente tan pronto remate a fachada principal comezarei coa zona do claustro, os museos e o arquivo, agora trístemente famoso despois da desaparición do insubstituible Códice Calixtino (sic...), unha xoia de valor incalculable en moitos aspectos... :(

Seguirei publicando a medida que avanza o traballo... que teño a impresión de que vai traer máis novidades e sorpresas ainda.


Saudos a todos! ;)


Anxo