Aquí estou de novo cunha
moi boa nova. Despois de moitos, moitos anos de trámites o barrio de Ferrol Vello foi por fin
declarado BIC pola Xunta de Galicia. Orixe da cidade de Ferrol éste barrio mariñeiro atopábase en completo estado de abandono e ruina. E aínda que xa se perderon varios edificios singulares son moitos aínda os que por sorte están a tempo de ser salvados.
Delimitación do BIC de Ferrol Vello.
O barrio articúlase en torno ao antigo trazado de rúas da vila orixinal de San Xiao de Ferrol, poboación mariñeira anterior aos arsenais e os asteleiros, unha pequena vila de pescadores que aínda conserva nalgunhas das súas rúas ese ambiente propio dos pequenos pobos pesqueiros galegos, como podedes apreciar nas seguintes imaxes deste fermoso e esquecido recuncho de Ferrol:
Por sorte aínda chegamos a tempo para recuperar este tesouro esquecido, e para celebralo, que mellor que un novo modelo?. Pois aquí o tedes, un dos edificios máis singulares do Paseo da Mariña, dentro de Ferrol Vello e parte da fachada marítima do barrio.
O edificio, a parte de ser o máis alto do entorno do peirao de Curuxeiras, está construido sobre a confluencia da Rúa Carmen Curuxeiras co Paseo da Mariña, que se resolveu cun paso que atravesa a construcción polo medio. É tamén destacable o feito de que o Camiño Inglés de peregrinación a Santiago de Compostela comeza exactamente neste punto, xusto debaixo do arco de entrada á rúa Carmen Curuxeiras. Coidei o detalle do modelo tal e como veño facendo nos meus últimos traballos, modelando a práctica totalidade das fiestras do edificio, tal e como podedes apreciar nestas imaxes sen as texturas:
Aquí tedes unhas imaxes do modelo con textura e o enlace na galería 3D:
E agora, e xa para rematar esta longa publicación de hoxe, as acostumadas imaxes do modelo e o seu entorno en GE:
E isto é todo por hoxe, agardo que vos guste. Espero voltar pronto con máis modelos.
Saudos a todos ;)
Anxo.