Mostrando entradas con la etiqueta Metrópolis. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Metrópolis. Mostrar todas las entradas

lunes, 20 de junio de 2011

Metrópolis. A Torre de Babel.

Renderizados finais.


Tal e como dixen onte, unha vez rematado (polo de agora) o modelo do Zigurat da película Metrópolis de Fritz Lang, hoxe traio os prometidos renderizados que realicei co programa Artlantis, como o que encabeza a publicación.

Á hora de cargar o modelo no programa de renderizado presentóuseme algún problemiña, xa que había un gran número de copias de compoñentes e o Artlantis non recoñecía a posición correcta de todos eles. Gracias a un conselliño de Alsomar conseguín solucionar o tema, e finalmente puiden xerar as imaxes tal e como quería. Fixen bastantes capturas, pero so vou deixar aquí unha selección (que non son poucas) das que considero as mellores, agardo que vos gusten.









E agora unhas cantas imaxes un pouco máis efectistas, ao solpor ...





Engadindo un pouco de néboa tampouco quedan nada mal...




E isto é todo polo de agora, espero que vos gustasen. Como xa comentei, retomarei éste modelo no futuro para melloralo, amplialo e completalo, pero polo de agora imos deixar que repouse un pouco.

Voltarei con máis cousas máis adiante, que xa vai sendo hora de mellorar algún que outro modelo vello demasiado desactualizado e que xa precisa de revisión.

Saudos a todos.


Anxo

domingo, 19 de junio de 2011

Metrópolis. A Torre de Babel.

Enfilando o final...



Aquí estou de novo para dar conta dos traballos finais co modelo do Zigurat da película Metrópolis. Tal e como vos veño contando éstes días, cheguei á parte inferior da torre, a menos definida, e recurrín á miña propia imaxinación para darlle forma, baseándome no pouco que se pode adiviñar das imaxes do filme pero intentando conservar a estética do conxunto.




Como podedes ver, probei a engadír tamén algúns trens parecidos aos que se ven na película, para darlle un pouco máis de autenticidade e así dispoñer tamén doutro referente que de idea da escala da torre.



Evidentemente os viaductos non flotan, así que engandin pilares tamén semellantes aos que se poden ver nalgunha escena do film, e ao mesmo tempo continuei engadindo fiestras e detallando a parte inferior do edificio.

Unha vez que o Zigurat está prácticamente rematado xa, dinme de conta que ao engadir os viaductos creei sin querelo a necesidade de darlle un pouco máis de empaque ... o modelo pedía un entorno que lle dese o caracter que se destila da película, o de unha megalópolis densa e superpoboada.  Así que decidín crear un entorno que evitase esa sensación que estaba adquirindo o modelo de flotar en medio de ningures. 




Modelei un entorno urbano radial en torno a base da torre. Máis que un modelado en si, é máis ben unha "insinuación" volumétrica dos arredores e de paso fun dando os retoques finais ao modelo do Zigurat en si.


Sin querer, fun creando a necesidade de seguir expandindo o modelo, pero chegados a este punto, onde o Zigurat está básicamente finalizado, e o entorno ten xa unha presencia notable vou dar por finalizada esta primeira versión do modelo. A altura do edificio (si fose real) quedou finalmente establecida en 844 metros. E recopilando datos, as estadísticas do modelo serían as seguintes:

Tamaño:  2,5 Mb
240686 caras (ou polígonos)
672022 aristas
47 compoñentes
28 materiais

E o aspecto final-provisional do modelo sería así:








Para rematar co tema, mañá mostrareivos uns cantos renderizados que fixen con Artlantis, non sin algúns inconvintes derivados da complexidade do modelo que xa vos contarei. Espero que vos gusten.

Saudos


Anxo



Metrópolis. A Torre de Babel.

Continuamos....

Saudos a todos, tal e como vos prometín, sigo hoxe co proceso de modelado da torre da película Metrópolis de Fritz Lang que comecei a narrar onte. 


Continuando co modelado descendente da torre, é momento de comezar a dar máis detalle ao xa feito.



Pouco a pouco seguín engadindo fiestras e descendendo ao longo do corpo da torre a medida que ia aplicando texturas.





A medida que me aproximaba á parte inferior da torre ésta ia crecendo tamén en altura, acadando unha magnitude bastante considerable. Na mesma proporción tamén diminuian os datos sobre o aspecto da torre, xa que nas imaxes dispoñibles da película e da preproducción a parte inferiór está moito menos definida, e salvo a imaxe que encabeza a publicación de hoxe, pouco máis hai sobre o posible aspecto da base do edificio.



Chegados a éste punto é cando entra en xogo a suposición e permitinme a liberdade de imaxinar como sería a base da torre intentando gardar sempre a coherencia co resto do edificio:


Como podedes ver nas imaxes comecei a engadir os viaductos para o tren elevado tal e como se pode apreciar nalgunhas ilustracións e na película.


Chegados aquí, a torre xa casi acadou toda a sua magnitude e altura, sobrepasando xa os 800 metros (casi nada!). Mañá contareivos como solucionei a base do edificio e como rematei o modelo... polo de agora, xa que como vos comentaba onte, sigo traballando nel, e creo que ainda seguirei durante un tempo, pero iso xa queda para outra...

Saudos a todos.


Anxo

sábado, 18 de junio de 2011

Metrópolis. A Torre de Babel.

 Comezando un novo modelo.

O prometido é débeda, e tal e como vos comentei onte, hoxe vou falar dun novo modelo no que estiven traballando neste tempo de ausencia. Ainda que non está rematado ao 100%, debido á magnitude que foi adquirindo a medida que fun traballando en el, podese dicir que está prácticamente rematado. Fun documentando o proceso de modelado, así que vou ir contando pouco a pouco como foi o traballo. E atendendo a iso, imos comezar polo principio.

A película Metrópolis (1927) do realizador alemán Fritz Lang foi sempre considerada como un dos máximos exponentes do expresionismo cinematográfico alemán, e ademais é un dos poucos filmes da história considerados Memoria do Mundo pola Unesco. Converteuse en obxeto de culto de cinéfilos e aficionados... e particularmente dun servidor. Sempre me sentín fascinado pola historia intemporal que narra e sobre todo pola imaxinería e a arquitectura que se pode ver na película... unha mezcla de Art Decó futurista e megalómano que contrastaba brutalmente con outros elementos máis clásicos dentro da propia película.. 


Podería falar intermináblemente da película, pero como este non é o lugar nin o momento, recoméndovos encarecidamente que investigedes un pouco e descubrades a fascinante história que rodea a esta excepcional producción cinematográfica. E si podedes, vede a última versión restaurada que recupera a práctica totalidade da metraxe orixinal que se creia perdida para sempre.

Dentro de toda a escenografía da película había un elemento que sempre me chamou poderósamente a atención e que resultaba icónico dentro da propia megalópolis na que se desenrola a trama. Un edificio xigantesco e desmesurado que se supón inspirado na bíblica torre de Babel e que se coñece tamén como o Zigurat.


Dende fai bastante tempo estiven dándolle voltas á idea de reproducir o edificio en 3D. Nunca atopaba o momento, pero ao longo de todo ese tempo recopilei bastante información e imaxes do edificio como para facerme unha idea de como podería ser en caso de existir. Así que finalmente a semana pasáda púxenme mans á obra, busquei a maior cantidade de imaxes posibles e empecei co modelado baseándome nesas representacións. Descubrín que o "arquitecto" (si se pode dicir así) foi un dos directores de arte da película, Erich Kettlehut, do que se conservan ainda debuxos orixinais.


Tamén descubrín que as múltiples representacións da torre non coinciden en proporcións e forma de maneira exacta, así que o que intentei facer á hora de empezar a modelar foi crear un amalgama de todas esas representacións para atopar un punto medio que se aproxime a todas elas o máximo posible. E como a maioría das representacións son da parte superior decidín, ao contrario do que dicta  a lóxica, comezar a casa polo tellado....



Despois desta primeira aproximación, fun perfilando un pouco máis os detalles e intentando casar as perpectivas coas representacións existentes ...



Unha vez chegados a este punto, empecei a plantexarme o tema das texturas, porque unha producción cinematográfica en blanco e negro do ano 27 non da para percibir demasiado detalle precisamente, así que decidín facelo un puco pola miña conta, seguindo o meu instinto, intentando que resultasen sempre o máis aproximadas ás imaxes que se poden ver na película e pouco a pouco ir adaptando según avanzaba o modelo... Ademais engadín un pequeno detalle (que me servía de referencia) e que ademais da unha idea da descomunal escala do edificio, como poderedes observar nas seguintes imaxes:




Polo de agora vouno deixar aquí. Como vos dicia ao principio, o modelo realmente está prácticamente rematado xa, pero vou ir racionando o relato do proceso en varias publicacións para non saturar demasiado e facer a cousa un pouco máis amena. Xa podedes observar a solución que adoptei para as primeiras fiestras modeladas e que xa adianto, utilicei tamén no resto da torre. Na próxima publicación mostrareivos máis avances. Espero que vos guste.

Saudos a todos ;)


Anxo