viernes, 25 de noviembre de 2011

WIP. A Catedral de Santiago de Compostela



Aquí estou de novo con algúns avances no modelo da catedral de Santiago. Como podedes ver na imaxe superior, o modelado da Torre da Berenguela está prácticamente rematado. Faltan algúns detalles ainda, pero considerei que o avance xeral foi suficiente como para ir actualizando o blog co progreso realizado. Tamén engadín xa bastantes texturas definitivas, que poderedes ver nas imaxes que vos deixo a contiuación:







A intrincada decoración barroca da torre está a facer que o modelado sexa bastante laborioso, pero paso a paso e sen presa, creo que o resultado é bastante satisfactorio. Na seguinte imaxe poderedes facervos unha idea da complexidade e o nivel de detalle que está acadando o modelado:


Tan pronto remate con esta torre comezarei coa zona posterior, ábside, capelas, fachada da Quintana e a Porta Santa... pero iso será máis adiante. Xa dixen que isto levaría o seu tempo!.

Ata aquí polo de agora. Espero voltar pronto con máis.

Saudos ;)


Anxo

viernes, 18 de noviembre de 2011

WIP. A Catedral de Santiago de Compostela. Retomando o modelado.



Ola de novo a todos. Serei breve, retomo o traballo coa Catedral de Santiago. Xa fai moito dende a última actualización en Agosto, e xa tocaba volver ao traballo, así que despois de ver o magnífico traballo que esta facendo AArmesto coa catedral de Lugo, non me puiden resistir a retomar o traballo co meu modelo. Simplemente deixareivos unhas cantas imaxes cos pequenos avances polo de agora, que se resumen nalgúns pequenos detalles na fachada de Praterías e, principalmente, no modelado da Torre da Berenguela, a máis alta de todo o complexo catedralicio.

Non me lio máis, aquí as tedes:




Como podedes ver, pouca cousa polo de agora, pero espero poder actualizar pronto de novo con máis avances e máis significativos. 

Saudos a todos! ;)


Anxo

sábado, 12 de noviembre de 2011

Barcelona.

Retomando o blog, o primeiro que quero contarvos é a miña experiencia na Google Geo User Summit de Barcelona á que asistín convidado por Google os días 12, 13 e 14 de Outubro.




Foron sen dúbida uns días irrepetibles onde tiven a oportunidade de coñecer a modeladores de todo o mundo, intercambiar coñecementos e experiencias, nunha cidade incrible e nun ambiente de compañerismo que servíu para afianzar amizades e descubrir moitas novas. A xente de Google portouse moi ben con todos os asistentes, organizando perfectamente as conferencias e multitude de actividades que contribuiron ao bo ambiente que se viviu en todo momento mentres durou o congreso. 

A verdade é que podería contar mil anécdotas e historias sobre todo o que alí pasou, pero casi mellor recurrir ás imaxes, que poderán resumir mellor ca min todo isto. Aquí tedes un vídeo que resume a magnífica experiencia que puidemos disfrutar en Barcelona:




E como non, tamén hai multitude de fotografías das que escollín unhas poucas que máis ou menos ilustran e dan idea do que alí se viviu durante eses días:

Foto: PeterG

Aquí tedes unha de imaxes de tódolos participantes (Map Makers, Panoramio users, 3D Modelers e Google):


E aquí estamos os 3D modelers (ainda que faltaban algúns que non puideron asistir á sesión de fotos):


Teño que destacar tamén que este encontro deu pe a que por primeira vez puidésemos reunirnos todos os Corchopán Modelers nun mesmo sitio, e non so iso, xa que o encontro deu pe a novas incorporacións ao grupo.... :)

O mellor de todo, é que a cousa non quedou ahí. Durante a celebración do congreso organizouse entre os participantes un concurso para deseñar a insignia (badge) que designaría aos participantes do congreso na galería 3D e ao que nos presentamos con diferentes deseños algúns dos que alí estábamos. Feito isto, os deseños sometéronse a votación entre todos os asistentes, e moi en contra do que eu esperaba, o meu resultou elexido!, algo polo que teño que dar as grazas a todos aqueles que o escolleron.



Así que de agora en adiante todos os que participaron no congreso mostraran no seu perfil a insignia que deseñei, algo que xa podedes ver si o desexades e que me me fai sentir moi, moi agradecido.

Resumindo, foi unha experiencia incrible, teño moito que agradecer, a Google e a todos os que asistiron polo bo trato e os bos ratos que pasamos alí. So podo dicir que quixera repetir, e volver a reunirme con toda a magnífica xente que alí coñecín e entre a que xa teño moitos amigos. Así que espero que nos podamos ver outra vez no próximo encontro, e que sexa pronto! :)

Graciñas, Gracias, Gràcies, Eskerrik asko, Thank you, Grazie, Merci, ευχαριστίες, Dzięki, Danke, شكرا, хвала, takk, ... etc, etc... 

Saudos a todos!! ;)


Anxo



De novo de volta...

Despois dunha longa ausencia motivada pola falta de tempo para adicarlle ao blog, estou aquí de novo con moitas cousas que contar, moitos modelos que retomar, e algúns cambios. O primeiro de todo é desculparse con todos vos por este paréntese, espero recuperar o ritmo de traballo para poder contarvos o que ando a facer e retomar os modelos e proxectos que quedaron gardados no caixón. Así e todo, estou de volta de novo.

Como é moito o que pasou durante este tempo, vou intentar racionar un pouco a información. Escribirei unhas cantas entradas independentes para contarvos  que tal foi a Google Geo users Summit de Barcelona, tamén vos falarei de algúns descubrimentos desafortunados ao meu regreso, dos cambios que decidín realizar na miña galería e dos modelos que teño entre máns, entre outras cousas.

Dito isto, so me queda poñerme mans á obra....

Alégrame estar de volta de novo :)

Saudos


Anxo


lunes, 10 de octubre de 2011

Preparando as maletas...




Estou preparando a equipaxe para coller mañá un avión directo á cidade condal, xa que esta semana estarei por Barcelona acudindo á 1º Congreso de Xeo-usuarios que organiza Google na península.  Fun convidado a acudir, e non podía deixar pasar a oportunidade de desfrutar e compartir experiencias con máis usuarios e xeomodeladores de todo o mundo e sobre todo coñecelos en persona, xa que a moitos xa os coñezo a través do correo ou o chat, pero xa vai sendo hora de verlles as caras en directo a todos eles.

Teño a impresión de que vai ser unha experiencia moi interesante, e a axenda que nos ten preparada Google promete moito durante os 3 días que durará o encontro. Pinta moi ben e segúramente sera moi divertido tamén

Por outro lado, e de xeito paralelo, terá lugar unha reunión que casi me fai tanta ilusión como o congreso en sí, xa que por primeira vez reunirémos físicamente nun mesmo lugar todos os Corchopán Modelers... e creo que iso promete máis ainda que todos os congresos de Google xuntos. :)

Mantereivos informados aos que non vaiades, e aos que sí, vémonos en Barcelona!! ;)


Anxo

sábado, 17 de septiembre de 2011

Novo Modelo. A Asamblea Nacional de Bangladesh. জাতীয় সংসদ ভবন




A Asamblea Nacional de Blangladesh, oficialmente Jatiya Shangshad Bhaban, é un dos parlamentos máis grandes e singulares de todo o mundo. Está situado nunha extensa zona verde no medio da bulliciosa e superpoboada Dhaka, a capital de Bangladesh. O edificio do parlamento está situado no centro dun lago e rodeado de diferentes dependencias e edificios oficiais, conformando o conxunto un verde remanso de paz no medio do caos da megalópole bengalí.


Todo o complexo foi deseñado polo maxistral arquitecto norteamericano Louis Khan coa asistencia de Muzharul Islam e comezouse a construir no ano 1961 co propósito de servir de sede gubernamental de Pakistán Oeste e Pakistán Este. Pero a historia quixo que pasasen varias décadas e unha guerra para que o edificio fose rematado e finalmente albergase o goberno dunha nación. Foi en febreiro de 1982 cando se celebrou a primeira sesión parlamentaria dentro dos seus muros, rematados en xaneiro dese mesmo ano, para o goberno da nova nación de Bangladesh.

O edificio, de un gran impacto visual, con altos muros de formigón festoneados de mármore branco (un pequeno truco de deseño pensado para ocultar as xuntas de formigonado) e con grandes aberturas xeométricas a modo de grandes pórticos, destaca pola súa magnitude e intencionado contraste cos edificios que o rodean, construidos en ladrillo visto. A pesar do impoñente tamaño o conxunto resulta treméndamente armónico e parece flotar serenamente sobre o lago que o rodea.


O edificio principal esta acompañado e precedido por dúas prazas elevadas, unha ao norte e outra ao sur. A praza norte, ou Praza Presidencial, está pensada para actos oficiais, protocolarios e recepción de mandatarios, aloxando tamén outras dependencias. A praza sur, moito máis grande, fai de entrada principal para o público, incluso para o uso cotiá dos propios parlamentarios, albergando baixo ela distintas dependencias técnicas, almacéns, e un gran garaxe para o uso dos funcionarios e traballadores do parlamento.

O corpo central, máis alto e destacado, alberga o hemiciclo do parlamento, e esta rodeado por 8 corpos diferentes nos que se aloxan as diferentes dependencias gubernamentais. Destaca o situado ao sur, que acolle no seu interior unha sala para a oración e que se atopa lixeiramente desviado do eixo do edificio principal para orientar a correctamente os muros cara a Meca. 



O ciclópeo aspecto exterior contrasta co sorprendente xogo que fai a luz no interior do edificio, no que a luz natural xoga un papel fundamental creando diferentes ambientes e contrastes sobre os muros de formigón e mármore branco coa característica traza xeométrica de Khan.





O modelo comprende tanto o edificio principal, como as dúas prazas anexas das que falaba, e a correspondente adaptación do terreno para axustalo á orografia representada en Google Earth.


Intentei coidar os detalles máis característicos do edificio, ainda que ao ser un edificio "semi-aberto" nalgunhas zonas, tiven que decidir nalgún momento ata que punto modelaba partes que xa serían interiores, ainda que non existise unha separación física do exterior. De calquera xeito penso que o resultado é satisfactorio, e a pesar da magnitude do mesmo e a súa complexidade non ocupa mais de 2Mb en Google Earth.

Agora, é como ven sendo habitual, déixovos unhas cantas imaxes das do modelo:














E aquí remato ésta longa entrada, non sen antes dicir que éste modelo vai dedicado a alguén moi especial que agora vive en Dhaka... ísto é para ti Antonciño! ;)

Espero que vos guste.

Saudos.


Anxo


p.d: 8888 visitas!!! iepaaa!!! :D

sábado, 27 de agosto de 2011

Novo modelo. O Teatro Colón


Mentres continúo traballando coa Catedral de Santiago, dediquei un pouco do meu tempo a facer un modelo diferente, tal e como fixera co edificio do Banco Pastor. Algo un pouco máis sinxelo e de menor magnitude que o complexo catedralicio de Compostela. Desta vez escollín o Teatro Colón de A Coruña. Un edificio singular do que xa existía un modelo anterior na Galería 3D, pero considerei que non facía xustiza á verdadera magnitude do edificio, polo que decidín facer un modelo máis acorde.



O promotor e artífice do Teatro Colón foi Emilio Rey Romero. O proxecto arquitectónico foi encargado a Jacobo Rodríguez-Losada Trulock no ano 1945, proxectando un conxunto cunha marcada imaxe clasicista moi acertada para un edificio tan singular por tamaño e situación. O teatro comezou a súa andaina como tal no ano 1948 regalando ao público coruñés infinidade de espectáculos musicais e teatrais de relevancia ademais de proxeccións cinematográficas. No ano 2002 foi completaménte remodelado modernizando o equipamento para adecualo aos tempos modernos pero respeitando completamente a estructura orixinal. Na actualidade o teatro está xestionado pola Fundación Caixa Galicia.
  
No mesmo edificio e con entrada oposta ao teatro atópase o Pazo Provincial, sede da Deputación Provincial de A Coruña. Construida conxuntamente co teatro polo mesmo arquitecto e co mesmo estilo, forma co teatro un conxunto singular e de considerables dimensións que destaca dentro da cidade pechando o lado leste da Alameda de Mendez Nuñez.


O modelo abarca o conxunto enteiro, Teatro+Diputación, e foi necesario axustar lixeiramente o terreno para correxir o desnivel existente na representación de GE e que non existe na realidade. 


A continuación deixo as acostumadas imaxes do modelo (alguna delas sen texturas para apreciar o nivel de detalle)










E ata aquí polo de agora, continuarei traballando na Catedral, pero será despois do día 10, ata daquela estarei centrado noutros temas que requiren da miña atención.  Espero que vos guste como quedou.

Saudos a todos ;)

Anxo