sábado, 17 de septiembre de 2011

Novo Modelo. A Asamblea Nacional de Bangladesh. জাতীয় সংসদ ভবন




A Asamblea Nacional de Blangladesh, oficialmente Jatiya Shangshad Bhaban, é un dos parlamentos máis grandes e singulares de todo o mundo. Está situado nunha extensa zona verde no medio da bulliciosa e superpoboada Dhaka, a capital de Bangladesh. O edificio do parlamento está situado no centro dun lago e rodeado de diferentes dependencias e edificios oficiais, conformando o conxunto un verde remanso de paz no medio do caos da megalópole bengalí.


Todo o complexo foi deseñado polo maxistral arquitecto norteamericano Louis Khan coa asistencia de Muzharul Islam e comezouse a construir no ano 1961 co propósito de servir de sede gubernamental de Pakistán Oeste e Pakistán Este. Pero a historia quixo que pasasen varias décadas e unha guerra para que o edificio fose rematado e finalmente albergase o goberno dunha nación. Foi en febreiro de 1982 cando se celebrou a primeira sesión parlamentaria dentro dos seus muros, rematados en xaneiro dese mesmo ano, para o goberno da nova nación de Bangladesh.

O edificio, de un gran impacto visual, con altos muros de formigón festoneados de mármore branco (un pequeno truco de deseño pensado para ocultar as xuntas de formigonado) e con grandes aberturas xeométricas a modo de grandes pórticos, destaca pola súa magnitude e intencionado contraste cos edificios que o rodean, construidos en ladrillo visto. A pesar do impoñente tamaño o conxunto resulta treméndamente armónico e parece flotar serenamente sobre o lago que o rodea.


O edificio principal esta acompañado e precedido por dúas prazas elevadas, unha ao norte e outra ao sur. A praza norte, ou Praza Presidencial, está pensada para actos oficiais, protocolarios e recepción de mandatarios, aloxando tamén outras dependencias. A praza sur, moito máis grande, fai de entrada principal para o público, incluso para o uso cotiá dos propios parlamentarios, albergando baixo ela distintas dependencias técnicas, almacéns, e un gran garaxe para o uso dos funcionarios e traballadores do parlamento.

O corpo central, máis alto e destacado, alberga o hemiciclo do parlamento, e esta rodeado por 8 corpos diferentes nos que se aloxan as diferentes dependencias gubernamentais. Destaca o situado ao sur, que acolle no seu interior unha sala para a oración e que se atopa lixeiramente desviado do eixo do edificio principal para orientar a correctamente os muros cara a Meca. 



O ciclópeo aspecto exterior contrasta co sorprendente xogo que fai a luz no interior do edificio, no que a luz natural xoga un papel fundamental creando diferentes ambientes e contrastes sobre os muros de formigón e mármore branco coa característica traza xeométrica de Khan.





O modelo comprende tanto o edificio principal, como as dúas prazas anexas das que falaba, e a correspondente adaptación do terreno para axustalo á orografia representada en Google Earth.


Intentei coidar os detalles máis característicos do edificio, ainda que ao ser un edificio "semi-aberto" nalgunhas zonas, tiven que decidir nalgún momento ata que punto modelaba partes que xa serían interiores, ainda que non existise unha separación física do exterior. De calquera xeito penso que o resultado é satisfactorio, e a pesar da magnitude do mesmo e a súa complexidade non ocupa mais de 2Mb en Google Earth.

Agora, é como ven sendo habitual, déixovos unhas cantas imaxes das do modelo:














E aquí remato ésta longa entrada, non sen antes dicir que éste modelo vai dedicado a alguén moi especial que agora vive en Dhaka... ísto é para ti Antonciño! ;)

Espero que vos guste.

Saudos.


Anxo


p.d: 8888 visitas!!! iepaaa!!! :D

sábado, 27 de agosto de 2011

Novo modelo. O Teatro Colón


Mentres continúo traballando coa Catedral de Santiago, dediquei un pouco do meu tempo a facer un modelo diferente, tal e como fixera co edificio do Banco Pastor. Algo un pouco máis sinxelo e de menor magnitude que o complexo catedralicio de Compostela. Desta vez escollín o Teatro Colón de A Coruña. Un edificio singular do que xa existía un modelo anterior na Galería 3D, pero considerei que non facía xustiza á verdadera magnitude do edificio, polo que decidín facer un modelo máis acorde.



O promotor e artífice do Teatro Colón foi Emilio Rey Romero. O proxecto arquitectónico foi encargado a Jacobo Rodríguez-Losada Trulock no ano 1945, proxectando un conxunto cunha marcada imaxe clasicista moi acertada para un edificio tan singular por tamaño e situación. O teatro comezou a súa andaina como tal no ano 1948 regalando ao público coruñés infinidade de espectáculos musicais e teatrais de relevancia ademais de proxeccións cinematográficas. No ano 2002 foi completaménte remodelado modernizando o equipamento para adecualo aos tempos modernos pero respeitando completamente a estructura orixinal. Na actualidade o teatro está xestionado pola Fundación Caixa Galicia.
  
No mesmo edificio e con entrada oposta ao teatro atópase o Pazo Provincial, sede da Deputación Provincial de A Coruña. Construida conxuntamente co teatro polo mesmo arquitecto e co mesmo estilo, forma co teatro un conxunto singular e de considerables dimensións que destaca dentro da cidade pechando o lado leste da Alameda de Mendez Nuñez.


O modelo abarca o conxunto enteiro, Teatro+Diputación, e foi necesario axustar lixeiramente o terreno para correxir o desnivel existente na representación de GE e que non existe na realidade. 


A continuación deixo as acostumadas imaxes do modelo (alguna delas sen texturas para apreciar o nivel de detalle)










E ata aquí polo de agora, continuarei traballando na Catedral, pero será despois do día 10, ata daquela estarei centrado noutros temas que requiren da miña atención.  Espero que vos guste como quedou.

Saudos a todos ;)

Anxo

domingo, 21 de agosto de 2011

WIP. A Catedral de Santiago de Compostela.

Saudos de novo. Facía tempo que non actualizaba o traballo coa Catedral de Santiago, pero non pensedes que  é porque o deixase, nin moito menos. Estou de vacacións e teño outras ocupacións que me rouban o tempo, polo que non podo dedicarlle todo o que me gustaría. Por iso vai todo un pouco máis lento.


Así e todo, e como podedes adiviñar na imaxe de arriba, avancei co modelado do claustro e os museos, que xa están casi rematados, incluindo a fachada do Tesouro coa sua torre, ainda que faltan algúns detalles. Tamén comecei co modelado da torre máis alta de todas, a da Berenguela, algúns detalles da parte da xirola na cabeceira da catedral e ademáis está case lista a única fachada románica que queda da catedral, a das Praterías. Como sempre, o mellor é que vos deixe unhas cantas imaxes, que sempre ilustrarán mellor o progreso do traballo.





Deixo tamén unhas cantas imaxes do modelo sen as texturas para que se poda apreciar o nivel de detalle que vai adquirindo:




No interior non traballei dende a anterior actualización, polo que está exactamente igual. Así que remate os detalles que comentaba na zona do claustro, continuarei coa Berenguela e as capelas e fachada que dan á Praza da Quintana, coa Porta Santa incluida. Para rematar deixo unha imaxe da zona da Praza das Praterías, onde só faltaría a fonte dos cabaliños de pedra para completar o conxunto (ademais dos detalles comentados).


E ata aquí polo de agora. Espero que vos guste.

Saudiños ;)

miércoles, 27 de julio de 2011

WIP. A Catedral de Santiago



Tal e como vos comentaba onte, sigo traballando no modelo da Catedral de Santiago. Xa avancei pola zona do claustro e os museos coas texturas e o modelado, e tamén rematei o cimborrio, texturizado incluido. A fachada do Obradoiro está rematada completamente, salvo os retoques que podan vir máis adiante. Na imaxes que vedes, podedes apreciar o alcance do modelado e o nivel de detalle.


Xa teño asumido que o modelo para Google Earth vai ter que simplificarse, rebaixando sobre todo o número de polígonos, ainda que sigo mantendo a idea de dividilo en varias partes para conservar ao máximo o nivel de detalle. O que teño xa claro, é que o interior non o incluirei (en principio) na versión do modelo na Galería 3D. De tódolos xeitos completarei o modelo con este nivel e no momento de subilo efectuarei as adaptacións que sexan necesarias. Estou utilizando compoñentes en gran medida precisamente pensando en facilitar a edición máis adiante. 

Correxín un pouco as primeiras texturas que utilicei para a fachada do Obradoiro para harmonizar o conxunto e quitarlle un pouco ese ton "amarelo azufre" que tiñan os fungos que cubren a pedra na imaxe que utilizei. Para os Museos tiven que crear eu as texturas en Photoshop a base de varias fotografías, xa que non é facil conseguir imaxes da fachada completa polo estreito dalgúnha das ruas que rodean esa zona. Pero casi mellor deixovos as imaxes para que xulguedes vos mesmos.







Como extra vou deixar unhas cantas imaxes do interior e o Pórtico da Gloria, que como vos comentaba, non vou a incluir no modelo para Google Earth, pero que igualmente estou modelando:





E así están as cousas polo de agora, non me cansarei de repetir que ísto vai para largo, pero continuarei informando dos avances entre modelo e modelo.  

Saudos a todos! ;)


Anxo