jueves, 28 de octubre de 2010

Novo Modelo. Cuartel de Dolores e Porta de Fontelonga

Por fin rematei o modelo do que estiven falando estes días, o conxunto formado polo Cuartel de Dolores e a porta marítima de Fontelonga, situada nos restos da antiga muralla de Ferrol que todavía circundan parte do acuartelamento.


Un pouco de historia...

O Cuartel da Nosa Señora das Dores está situado xunto ao antigo Cadro de Esteiro, en Ferrol. Planexado en 1751 por Joseph Petit de la Croix comezou a construirse no 1765 baixo a dirección do Enxeñeiro Naval D. Julián Sánchez Bort. Parte da obra foi financiada pola casa dos Condes de Andrade e Lemos en memoria dun dos seus fillos, morto en combate cando era infante de marina. As obras rematan un 16 de Outubro de 1771. 



O edificio de planta cadrada está organizado en torno a un patio central porticado e podía albergar a uns 4000 homes. O patio, tamén de planta cuadrangular ten tres alxibes e está rodeado por arcadas que cubren 2 dos 3 niveles que ten o edificio e que se soportan sobre 44 pilares cos seus correspondentes arcos. O primeiro nivel corresponde ás antigas cadras e almacéns, o segundo para o piso principal, quedando o terceiro cunha enorme terraza que rodea todo o patio e da cobertura ás arcadas.


Na Fachada Principal está a entrada decorada con adornos e columnas dóricas que soportan un balcon de ferro sobre o cal , á altura do 3º nivel, hai un escudo coas armas reais.


Actualmente o cuartel é a base do Tercio Norte da Infantería de Marina. 

Na parte posterior do edificio atópase unha das antigas portas marítimas das murallas de Ferrol, a porta de Fontelonga. Construida na mesma época co cuartel, conta cunha larga escalinata doble que ten unha rampa central e que salva a diferencia de cota entre o que sería o antigo peirao a nivel do mar e o terreno circundante. Na imaxe pódese observar o antigo peirao e o impoñente aspecto que ofrecía o conxunto co cuartel:


Na parte inferior, xunto a entrada e a singular garita que a garda, hai unha pequena construcción con curiosos arcos de traza parabólica na que se atopaba unha fonte que era a que daba nome á fortificación. Hai que destacar tamén como elemento singular de cantería o "arbotante", tamén de traza parabólica, que sirve como apoio do muro e que utiliza o conxunto da garita como contraforte. Actualmente e debido a sucesivos recheos motivados polo crecemento do asteleiro, a porta está moi alonxada do mar, ocupando o lugar do antigo peirao unhas pistas polideportivas.



E tamén reseñable a existencia dun cruceiro, coñecido como "Cruceiro de Fontelonga" situado ao final da escalinata, xunto ao que queda do muro onde se situaba a porta superior do antigo acceso. O conxunto foi restaurado non fai moito estando ao mando do Tercio Norte o coronel ferrolán Juan Feal Vázquez.


O modelo...

O modelo en cuestión abrangue tanto o cuartel como as murallas e a porta de Fontelonga. O terreno resultou un pouco máis engorroso do desexado, xa que foi necesario modelar gran parte do relevo da zona, para conseguir recrear o desnivel que deu lugar á singular configuración da zona. Finalmente creo que o resultado e bastante satisfactorio.



E xa para rematar, as xa tradicionais imaxes do modelo en Google Earth...

Actualizado 29/10/10: Non me convencían nadiña as texturas dos muros, así que usei unhas novas que creo quedan moito mellor. Aquí podedes ver unha imaxe coa textura vella:


E esta é a textura nova:


Penso que é moito mellor e máis acorde co nivel de calidade do resto do modelo. Agora deixo o resto das imaxes, xa coas novas texturas:








E ata aquí todo polo de agora, desculpade pola longuísima publicación, pero é que facía tanto tempo que non subía un modelo novo que xa tiña ganas. Espero que vos guste e agardo voltar pronto con mási cousas. Graciñas!

Saudos ;)

Anxo

4 comentarios:

iago dijo...

Mola mil! Estoy enganchado a tus entradas! Una rigurosidad que asusta. Da gusto que te lo tomes más en serio.

Anónimo dijo...

Non é por me gabar,pero o meu pai e os seus irmáns xa se bañaban de pequenos na ribeira do peirao de Fontelonga, e o meu avó estivo durante moitos anos destinado como Maestro da Banda de Música nese Cuartel, dende finais do Século XIX ate os anos 30 do XX.
Ademáis eu nacín preto del, e durante a miña nenez xa nos mesturávamos nos periodos de instrucción con os quintos que alí facían a mili, polo que sempre estiven moi vinculado a ese histórico edificio e seus arredores, como nos meus momentos de lecer no Campo de Batallóns cando estudiaba na Escola Obrera.
Parabéns ao creador por acadar un nivel tan alto de perfección neste modelo.

Andrés Armesto Cortiña dijo...

Precioso modelo, Anxo! Como sigas así, non vou ter que ir pra ver a cidade... ou alomenos non voume perder xD

Sigue así, que están quedando xenial ;)

Un saúdo!

Trasancos dijo...

Graciñas a todos!, alédome ben de que vos guste. :)