sábado, 27 de agosto de 2011

Novo modelo. O Teatro Colón


Mentres continúo traballando coa Catedral de Santiago, dediquei un pouco do meu tempo a facer un modelo diferente, tal e como fixera co edificio do Banco Pastor. Algo un pouco máis sinxelo e de menor magnitude que o complexo catedralicio de Compostela. Desta vez escollín o Teatro Colón de A Coruña. Un edificio singular do que xa existía un modelo anterior na Galería 3D, pero considerei que non facía xustiza á verdadera magnitude do edificio, polo que decidín facer un modelo máis acorde.



O promotor e artífice do Teatro Colón foi Emilio Rey Romero. O proxecto arquitectónico foi encargado a Jacobo Rodríguez-Losada Trulock no ano 1945, proxectando un conxunto cunha marcada imaxe clasicista moi acertada para un edificio tan singular por tamaño e situación. O teatro comezou a súa andaina como tal no ano 1948 regalando ao público coruñés infinidade de espectáculos musicais e teatrais de relevancia ademais de proxeccións cinematográficas. No ano 2002 foi completaménte remodelado modernizando o equipamento para adecualo aos tempos modernos pero respeitando completamente a estructura orixinal. Na actualidade o teatro está xestionado pola Fundación Caixa Galicia.
  
No mesmo edificio e con entrada oposta ao teatro atópase o Pazo Provincial, sede da Deputación Provincial de A Coruña. Construida conxuntamente co teatro polo mesmo arquitecto e co mesmo estilo, forma co teatro un conxunto singular e de considerables dimensións que destaca dentro da cidade pechando o lado leste da Alameda de Mendez Nuñez.


O modelo abarca o conxunto enteiro, Teatro+Diputación, e foi necesario axustar lixeiramente o terreno para correxir o desnivel existente na representación de GE e que non existe na realidade. 


A continuación deixo as acostumadas imaxes do modelo (alguna delas sen texturas para apreciar o nivel de detalle)










E ata aquí polo de agora, continuarei traballando na Catedral, pero será despois do día 10, ata daquela estarei centrado noutros temas que requiren da miña atención.  Espero que vos guste como quedou.

Saudos a todos ;)

Anxo

domingo, 21 de agosto de 2011

WIP. A Catedral de Santiago de Compostela.

Saudos de novo. Facía tempo que non actualizaba o traballo coa Catedral de Santiago, pero non pensedes que  é porque o deixase, nin moito menos. Estou de vacacións e teño outras ocupacións que me rouban o tempo, polo que non podo dedicarlle todo o que me gustaría. Por iso vai todo un pouco máis lento.


Así e todo, e como podedes adiviñar na imaxe de arriba, avancei co modelado do claustro e os museos, que xa están casi rematados, incluindo a fachada do Tesouro coa sua torre, ainda que faltan algúns detalles. Tamén comecei co modelado da torre máis alta de todas, a da Berenguela, algúns detalles da parte da xirola na cabeceira da catedral e ademáis está case lista a única fachada románica que queda da catedral, a das Praterías. Como sempre, o mellor é que vos deixe unhas cantas imaxes, que sempre ilustrarán mellor o progreso do traballo.





Deixo tamén unhas cantas imaxes do modelo sen as texturas para que se poda apreciar o nivel de detalle que vai adquirindo:




No interior non traballei dende a anterior actualización, polo que está exactamente igual. Así que remate os detalles que comentaba na zona do claustro, continuarei coa Berenguela e as capelas e fachada que dan á Praza da Quintana, coa Porta Santa incluida. Para rematar deixo unha imaxe da zona da Praza das Praterías, onde só faltaría a fonte dos cabaliños de pedra para completar o conxunto (ademais dos detalles comentados).


E ata aquí polo de agora. Espero que vos guste.

Saudiños ;)